Friday 10 de May de 2024

O Pleno de Frades cambia de día as sesións plenarias, que serán o último xoves dos meses impares ás 12:30 horas


O grupo de Goberno reedita as dúas dedicacións exclusivas do mandato anterior para o alcalde e o concelleiro de Economía e Facenda

O cambio de día e hora das sesións plenarias e o reparto de competencias entre os distintos concelleiros do Grupo de Goberno foron as únicas novidades do Pleno de Organización do Concello de Frades con respecto ao mandato anterior. Así, o Concello mantén a periodicidade bimensual para as sesións ordinarias que terán lugar o último xoves de cada mes impar ás 12:30 horas (xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro). No mandato anterior os plenos tiñan lugar ás 13:30 horas do último venres dos meses impares.

 

O pleno aprobou, cos 6 votos a favor do PP e as 5 abstencións de PSOE e BNG, reeditar as dúas dedicacións exclusivas do mandato anterior coa actualización correspondente ao IPC:  unha de 42.161,12 euros brutos anuais en 14 pagas para o alcalde e outra de 26.877,76 euros brutos anuais en 14 pagas para o terceiro tenente de alcalde e concelleiro de Economía e Facenda, Ensino, Medio Rural, Sanidade, Limpeza Viaria, Parques, Xardíns e áreas recreativas, Iluminación e Aforo Enerxético: Manuel Ferreiro Marzoa.

 

Grupos municipais

 

O Pleno tomou coñecemento da formación de tres grupos municipais: Partido Popular, con Manuel Ferreiro Marzoa como voceiro (suplente: Roberto Rey Martínez); PSOE, co voceiro Enrique Astray (suplente: Lucía García Blanco); e BNG, con Belén Pazos González como voceira. As asignacións aos grupos municipais foron aprobadas cos 7 votos a favor de PP e BNG e as 4 abstencións do PSOE: 50 €/mes por grupo e 50 €/mes por cada concelleiro. Tamén se aprobaron as contías por asistencia a órganos colexiados, desta vez cos 6 votos a favor do PP e as 5 abstencións do BNG: 125 € por Plenos, 150 € por Xuntas de Goberno Local e 100 € por comisións, as mesmas cantidades co mandato anterior.

 

A Xunta de Goberno local, integrada polo alcalde e os tres tenentes de alcalde, reunirase 3 veces ao mes e haberá dúas comisións informativas, que se reunirán cada dous meses e estarán integradas por 4 membros do PP, 2 do PSOE e 1 do BNG, sendo o alcalde Roberto Rey o presidente de ambas.

 

Organización das Concellerías

 

A asignación de Concellerías queda do seguinte xeito:

 

  • Roberto Rey Martínez, alcalde con competencias en Urbanismo, Comunicación, Réxime Interior, Persoal, Relacións Veciñais, Infraestruturas e Obras Municipais.
  • Ángeles Álvarez Carro, 1ª tenente de alcalde e concelleira de Benestar Social, Muller, Igualdade, Conciliación e Atención ao menor
  • Jesús Miguel Prado Cea, 2º tenente de alcalde e concelleiro de Promoción Económica, Promoción Industrial, Medio Ambiente, Emprego, Formación, Dinamización demográfica e Xuventude.
  • Manuel Ferreiro Marzoa, 3º tenente de alcalde e concelleiro de Economía e Facenda, Ensino, Sanidade, Medio Rural, Limpeza Viaria, Novas Tecnoloxías, Servizos, Parques, Xardíns e Áreas Recreativas. Iluminación e Aforro Enerxético.
  • Jesús Francos Sánchez, concelleiro de Maiores, Feiras e Mercados, Turismo e Piscina Municipal.
  • Juan Carlos Portos Bra, concelleiro de Cultura, Deportes, Patrimonio e Voluntariado.

 

Finalmente, o alcalde deu conta dos representantes municipais nos distintos organismos:

  • Colexio de Ponte Carreira: Manuel Ferreiro Marzoa (suplente: Juan Carlos Portos Bra).
  • Mancomunidade de Ordes: Roberto Rey Martínez (suplente: Ángeles Álvarez Carro).
  • ASDECOMOR: Roberto Rey Martínez (suplente: Manuel Ferreiro Marzoa).
  • FEGAMP: Roberto Rey Martínez (suplente: Jesús Miguel Prado Cea).
  • Consorcio Galego de Benestar: Roberto Rey Martínez (suplente: Ángeles Álvarez Carro).